Obradoiro de sensibilización e educación ambiental. O concello Guitiriz desenvolveu varias actividades, en colaboración coa asociación ecolóxica ADEGA, de educación ambiental dirixidas a cidadanía. Participaron centros de ensino, asociacións, veciños que traballaron distintos aspectos da problemática ambiental (auga, transporte, biodiversidade, etc). As actividades levadas a cabo foron as seguintes:

  • Compostaxe caseira: a finalidade deste programa foi divulgar a compostaxe caseira como método de tratamento dos residuos orgánicos no propio fogar (na horta, xardín ou no garaxe), subministrando os coñecementos prácticos e o asesoramento individualizado preciso para mellorar esta práctica, consolidándoa como unha alternativa ecolóxica e de futuro.
  • Obradoiros ambientais: onde se ensinou a reciclar, reutilizar e a reducir as cousas que se usan habitualmente como envases ou papel, evitando que rematen no lixo. Elaborouse papel reciclado que foi empregado para facer cadernos e tarxetas. Nunha actividade conxunta entre maiores e nenos fixéronse xoguetes e adornos de Nadal. Finalmente traballouse o tema de alimentación saudable. A xornada rematou cociñando galletas, queixos, pan, iogur, marmeladas para aprender que todo o que comemos non ven sempre do supermercado ou tendas habituais.
  • Proxecto Ríos: unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos ríos. Fundaméntase na realización de inspeccións do estado dos ríos por parte de persoas e grupos voluntarios a nivel local, co obxectivo de responsabilizarse da vixilancia do río que pasa polo seu municipio ou localidade.

 

Actividades 2007