Preguntas Frecuentes

1.    ¿En que consiste o Desenvolvemento Sostible?
 
É o desenvolvemento que satisfai as necesidades do presente sen comprometer as capacidades de xeracións futuras de satisfacer as súas propias necesidades.(Informe Brundtland, 1987).
Oxectivos:

  • Compaxinar o crecemento económico sen danar o medio ambiente.
  • Asegurar que o crecemento económico mellore a calidade de  vida de todos os cidadáns.
  • Utilizar os recursos de xeito eficiente.
  • Restaurar os ecosistemas danados.
  • Promover a reciclaxe, a reutilización e implantación de técnoloxías limpas.
  • Impulsar a participación cidadá como elemento fundamental para a construción do futuro dos concellos.

2.    ¿Que é un Núcleo de Sostibilidade?
 
Un Núcleo de Sostibilidade é un concello que aposta por un futuro social, económico e medioambiental sostible para o que asume unha serie de compromisos encamiñados a:

  • Facer que a xente participe na construción do seu futuro.
  • Mellorar e adaptar as súas infraestruturas e instalacións para que sexan máis eficientes.
  • Dar exemplo dende o concello incrementando o aforro enerxético, de auga, etc.
  • Sensibilizar á poboación para que se implique no desenvolvemento sostible do seu concello.
  • Educar aos rapaces para que no futuro a cultura da sostibilidade sexa un valor de toda a cidadanía.

3.    ¿Cantos Núcleos de Sostibilidade  hai?
 
Na actualidade hai 13 Núcleos de Sostibilidade en Galicia e un en Ecuador. Son os Núcleos de:

  • Abegondo
  • Muros
  • Guitiriz
  • O Barco de Valdeorras
  • Covelo
  • Reserva da Biosfera Área de Allariz, integrado polos concellos de Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, A Bola e Allariz
  • Asociación de Desenvolvemento Rural Proder II-Comarca de Pontevedra integrada polos concellos de Barro, Poio, Vilaboa e Ponte Caldelas
  • O Carballiño
  • Oza dos Ríos
  • Cuntis
  • Ribadeo
  • Lalín
  • Núcleo do Cantón de Pimanpiro, na provincia de Imbabura (Ecuador)

4.    ¿Que traballos se desenvolven dentro dun Núcleo de Sostibilidade?
 
Os Núcleos de Sostibilidade utilizan distintos instrumentos para acadar a sostibilidade local.

  • Investimentos no eido ambiental, da eficiencia enerxética e da mobilidade para a paulatina transformación das infraestruturas (servizos) do concello cara a unha xestión máis sostible e respectuosa co medio ambiente.
  • Actividades de sensibilización e educación dirixidas a toda a cidadanía para que asuman os valores e prácticas da  sostibilidade na súa vida cotiá.
  • Sistema de Xestión Medio Ambiental para a mellora dos procedementos e accións que desenvolve o concello co fin de garantir a eficiencia ambiental (ISO 14001, EMAS).
  • Axenda 21 Local promovida polas autoridades locais, nun proceso aberto e participativo, para coñecer os problemas do concello e establecer un plan de acción que mellore a calidade de vida dos cidadáns, diminúa o consumo de recursos e conserve o medio ambiente natural. (Diagnose, Plan de Acción, Plan de Seguimento, Plan de Participación Cidadá).
  • Axenda 21 Escolar para traballar a través da participación activa do alumnado na análise da calidade ambiental do propio centro educativo e do seu contorno, e na toma democrática de decisións contribuíndo desta forma á preservación global do planeta (Comité ambiental, ecoauditoría, acción-participación).

5.    ¿Qué é unha Axencia Local de Sostibilidade?
 
Cada Núcleo de Sostibilidade conta cunha oficina (Axencia Local de Sostibilidade) dende a que se levan a cabo e coordinan todas as actuacións a desenvolver polo Núcleo. Ao fronte da Axencia atópase o Axente Local de Sostibilidade encargado de dinamizar este proxecto servindo o mesmo tempo de nexo entre a administración local e autonómica.